Tuesday 14 de May de 2024

O BNG de Oleiros presentará no pleno ordinario de xaneiro unha moción para demandar a que a Xunta de Galiza accións para paliar as consecuencias da “marea plástica” nas costas galegas


Vinte anos após o “Prestige”, nin goberno español nin Xunta de Galiza aprenderon a lección. A Xunta de Galiza afrontou esta crise con ocultación e mentiras, cunha flagrante neglixencia e abandonado os concellos.

O BNG proporá ao pleno esixir á Xunta medios de todo tipo para os Concellos, alén de canalizar todas as demandas dos mesmos, levar a cabo os estudos dos verteduras, atender á afectación no medio mariño e centralizar as demandas dos Concellos á aseguradora

Máis unha vez o litoral galego sofre unha catástrofe ambiental e máis unha vez a Xunta de Galiza afrontou esta crise con ocultación, con mentiras, cunha flagrante neglixencia e deixando sós aos concellos.

O 8 de decembro, segundo os Gobernos español e portugués, o barco “Toconao” perdía en alta mar varios colectores. Un deles levaba 1.050 sacos, de 26,25 quilos cada un de pellets plásticos. O 13 de decembro a Xunta de Galiza xa é sabedora deste vertido no medio mariño, máis non será ata practicamente un mes máis tarde, a causa da presión social e mediática, cando comece a tomar as primeiras medidas.

É o 4 de xaneiro, cando se dirixe por primeira vez a algúns concellos costeiros, mediante unha carta do conselleiro do Mar, mais non para ofrecerlle colaboración ou os medios humanos e técnicos necesarios, senón unicamente para lembrarlles as “competencias que ten a administración local na limpeza dos areais”, precisamente despois de que for esa a única administración que, con recursos propios, estaba atendendo a limpeza das praias desde o primeiro momento. Os Concellos non teñen competencias, nin medios, para seguir actuando sós e sen coordinación

Aínda que a marea plástica seguía a estenderse, o 6 de xaneiro o Goberno galego activa o Plan Territorial de Continxencias por Contaminación Mariña (Plan Camgal) no seu nivel mínimo, que se mantén ata o día 9 cando se decreta o nivel 2 que permite que poidan intervir medios estatais.
A día de hoxe a Xunta continúa sen dispoñer de persoal suficiente nas praias, só 200 efectivos, sen facilitar equipos ou material de protección para as miles persoas voluntarias que están efectuando a limpeza e que tampouco e quen de coordinar.

É evidente que o Goberno galego fixo deixación de funcións, abandonou os concellos á súa sorte, desentendeuse da coordinación do voluntariado, mesmo naquelas zonas medioambientalmente máis sensíbeis, e non está a prever as consecuencias que a marea plástica pode ter no sector pesqueiro e marisqueiro galego.

Por outra banda, vén de afirmar que, segundo os informes contratados a unha empresa privada, os plásticos non son “tóxicos nin perigosos”, valoración que non comparte nin a UE nin a Fiscalía de Medio Ambiente do Estado que xa abriu unha investigación.

O BNG proporá ao pleno esixir á Xunta:

1. Facer efectiva a súa colaboración cos concellos poñendo á súa disposición de inmediato todos os medios técnicos, materiais e humanos suficientes.
2. Aumentar o persoal de limpeza das praias ao seu cargo, de xeito que ningún areal afecta-do quede sen atender.
3. Centralizar e facerse cargo de todas as xestións de reclamación de danos e resarcimento de gastos aos concellos por parte da aseguradora do buque que provocou o accidente.
4. Despregar todos os buques e helicópteros do Servizo de Gardacostas de Galiza para in-tensificar a vixilancia e actuar de inmediato.
5. Levar a cabo os estudos necesarios nos centros de investigación propios e en colaboración coas universidades galegas para determinar a composición e efectos dos plásticos, tanto na flora e fauna costeira como nas persoas.
6. Atender a afectación que a marea plástica puidese ter na actividade pesqueira e marisquei-ra das nosas rías e, como consecuencia, nos traballadores e traballadoras do mar.